CRTVG

Buscar

Plácido Domingo pide perdón: "Acepto toda a responsabilidade das miñas accións"

Publicado o 25/02/2020 08:25

O tenor español Plácido Domingo pediu perdón este martes ás mulleres que o acusaron de acoso sexual "pola dor" que lles causou e asegurou que acepta "toda a responsabilidade" polas accións denunciadas nos últimos meses.   

Nun comunicado, Domingo mostrou o seu respecto polas súas compañeiras de profesión, que en agosto de 2019 "se sentiron suficientemente cómodas para falar" do ocorrido. "Entendo agora que algunhas desas mulleres puidesen ter medo para expresarse honestamente porque lles preocupaba que as súas carreiras se visen afectadas", recoñeceu.   

Despois de "tomar un tempo durante os últimos meses" para analizar as acusacións, o tenor español explicou que creceu "con esta experiencia".

"Aínda que non foi a miña intención, nunca ninguén debería sentirse desa forma", engadiu.

Así, Plácido Domingo sinalou que está "comprometido" a acometer un cambio "positivo" na industria da ópera para que "ninguén teña que pasar polo mesmo". "O meu fervente desexo é que isto resulte nun espazo máis seguro para traballar, e espero que o meu exemplo empuxe a outros a seguir os meus pasos", resolveu.   

O músico español expresouse así meses despois de que saísen á luz as primeiras denuncias de acoso sexual por parte dunha vintena de mulleres. Nun inicio, Domingo negou todo asegurando que "o abuso" da súa posición directiva dentro da estrutura administrativa das Óperas de Washington e dos Ánxeles, onde traballou, era "tan imposible como inconcibible".   

"Os moitos que me trataron saben que eu nunca me comportei do modo acosador, agresivo e vulgar como aquel do que me acusaron", defendeu o artista o pasado mes de novembro, alegando que, ao cabo de máis de medio século de vida pública a xente debería coñecelo dabondo.   

As acusacións contra Domingo precipitaron nos meses seguintes cancelacións dalgunhas das súas actuacións por todo o mundo -como as da Ópera de San Francisco e a de Dallas- e ocasionaron ademais que o tenor dimitise como director xeneral da Ópera dos Ánxeles.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí