CRTVG

Buscar

Investigan as pintadas da catedral de Santiago

Publicado o 12/03/2019 20:37

• As pintadas atacan a Igrexa, a Coroa e a Vox

• A Xunta condena os ataques ao patrimonio de todos os galegos

A catedral de Santiago sufriu nas últimas horas un ataque vandálico. En distintas fachadas, na zona da escalinata do Obradoiro e na do arco de Xelmírez, apareceron ata cinco pintadas, con mensaxes alusivas á Igrexa, á coroa de España e ao partido político Vox. O Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, resto de autoridades e distintos colectivos sociais condenaron de inmediato e ao longo de toda a xornada este acto vandálico. A policía abriu dilixencias para intentar dar cos responsables. Os autores poderían enfrontarse a unha multa de ata 150.000 euros. As pintadas de hoxe chegan despois de que hai uns meses, en verán, apareceran outras na fachada das Praterías.

A catedral amenceu con ata cinco pintadas en diferentes puntos das súas fachadas. O graffiti máis extenso fixérono no lateral dereito da escalinata do Obradoiro, cun contido alusivo ao ideario da Igrexa. Entre os que pasaban por diante da pintada, a condena polo dano ao patrimonio foi unánime.

As outras catro pintadas localízanse no Arco de Palacio. Neste caso atacan os Borbóns e a Vox. Xa está aberta unha investigación para atopar os culpables do acto vandálico. Os autores poderían enfrontarse a unha multa de entre 6.000 e 150.000 euros por unha infracción grave da Lei do patrimonio.

Non son as únicas pintadas dos últimos tempos. Hai uns meses, en agosto do ano pasado, esta escultura do século XII da fachada das Praterías sufría outro acto vandálico. Eliminar a pintada custou 12.000 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí