CRTVG

Buscar

Piñera recoñece violacións de dereitos humanos na represión das protestas

Publicado o 10/12/2019 17:19
Piñera recoñece violacións de dereitos humanos na represión das protestas

O presidente de Chile, Sebastián Piñera, recoñeceu este martes que houbo "atropelos aos dereitos humanos" durante as últimas sete semanas de protestas no país austral e anunciou medidas de reparación para as vítimas, así como a revisión dos protocolos policiais. Así o explicou o mandatario chileno nunha conferencia de prensa no Palacio da Moeda, sede do Executivo, con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos.

"Nos últimos 52 días coñecemos moitos casos e denuncias de atropelos aos DD. HH., e dóenos cada unha delas", recoñeceu Piñera, quen mencionou a morte de 24 chilenos e os miles de feridos durante o estalido social que empezou o pasado 18 de outubro.

O mandatario anunciou un "plan integral de recuperación ocular", que brindará atención médica aos que sufriron lesións deste tipo, e asistencia en materia social, psicolóxica e laboral, xa que segundo o estatal Instituto Nacional de Dereitos Humanos ( INDH) contabilízanse 352 lesionados deste tipo por disparos da Policía.

Por primeira vez, tras máis de 50 días de protestas en Chile, o presidente mencionou os nomes de Gustavo Gatica e Fabiola Campillai, dúas vítimas oculares pola presunta actuación das forzas do Estado.

Gatica e Campillai convertéronse en dous casos paradigmáticos para os manifestantes chilenos, xa que perderon a visión dos seus dous ollos ao recibir o impacto de balines de goma e unha bomba lacrimóxena, respectivamente, presuntamente disparados por axentes policiais.

Outra medida que anunciou Piñera é a creación dun equipo especial por parte do Ministerio da Muller e Equidade de Xénero para acompañar a mulleres que denunciaron casos de violencia sexual por parte de uniformados. Por outra banda, o presidente informou de que o recentemente creado Comité Técnico de Dereitos Humanos, formado por institucións como a Fiscalía Nacional, o corpo de Carabineiros (Policía militariza) ou o INDH, revisará os protocolos policiais e das Forzas Armadas, así como os seus procesos de formación, para que "sexan totalmente compatibles cos DD. HH.".

O modo de actuar dos Carabineiros, cuxo protocolo foi aprobado en 2012 e revisado o pasado marzo, foi foco de críticas ao ser cuestionado pola súa forte represión e por presuntas violacións aos dereitos humanos. O INDH difundiu o pasado venres que 3.449 persoas foron feridas desde que comezaron as protestas, das que 1.983 serían por disparos de bala, balín, perdigóns ou obxectos non identificados. Ademais, o organismo interpuxo un total de 685 querelas contra a acción dos axentes do Estado, delas 6 por homicidio, 11 por homicidio frustrado, 108 por violencia sexual e 544 por torturas e tratos crueis.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/12/2019