CRTVG

Buscar

Pilar de Borbón, a infanta que renunciou aos seus dereitos sucesorios por amor

Publicado o 08/01/2020 20:47

Pilar de Borbón e Borbón naceu en Cannes no verán do 36, poucos días despois de comezar a Guerra Civil en España. Non regresaría ata 1967, pero sempre deixou claro que tivo unha infancia e xuventude feliz no exilio. Era neta de catro reis e a primoxénita de don Xoán de Borbón e dona María das Mercedes. Quixérona emparellar con Balduíno de Bélxica, pero ela preferiu casar por amor. Para iso tivo que renunciar a calquera aspiración ao trono, que daquela, ademais de reservado só a homes, a obrigaba a facelo con alguén de liñaxe real.

A duquesa de Badaxoz tivo cinco fillos con Luis Gómez-Acebo. A súa paixón foi o deporte, especialmente a hípica. Chegou a ser membro do Comité Olímpico Internacional.

Tamén destacou polo seu vínculo con obras benéficas e cada ano organizaba o mercado de Nadal da oenegué Nuevo Futuro. Viuse envolta en polémica ao aparecer o seu nome nos papeis de Panamá vinculado a unha sociedade.

Viaxeira incansable, Pilar de Borbón era enfermeira de formación e falaba cinco idiomas. Pero o seu rasgo máis salientable era o carácter forte e extrovertido. Cando deixou o Comité Olímpico dixo: "É mellor marchar a tempo, antes de que que che dean unha patada".

Dedicou os seus últimos anos aos seus fillos e netos.


 

Noticias web

08/01/2020