CRTVG

Buscar

O armador do barco apresado en Irlanda di que non pode asumir a fianza de 168.000 euros

Publicado o 26/08/2019 16:07

No porto irlandés de Castletown permanece apresado o Mestre Bobicha, o palangreiro galego acusado de pesca ilegal. Pídenlles 168.000 euros de fianza por dúas boias sen sinalizar, unha cantidade que, din, non poden asumir. Agora agardan que Portugal interceda por eles ante as autoridades irlandesas, posto que o barco faena con bandeira lusa.

Levaban cinco días pescando quenlla no Gran Sol cando a inspección dunha patrulleira irlandesa detectou que levaban dúas boias sen sinalizar.

Jose Ramón Pérez Sampedro, fillo do armador do Mestre Bobicha: "De 15 boias que tiñamos no mar habia dúas sen marcar. Recoñezo que é un erro noso, pero tamén sei que é unha infracción leve. A sorpresa foi que nos detiveran e nos levaran a terra co barco".

Leváronos a porto e sometéronos a unha vista rápida en que, segundo denuncian, non tiveron avogado nin tradutor oficial. Impuxéronlles unha fianza de 168.000 euros para volver ao mar. Unha cifra que cualifican de "desorbitada" para este tipo de faltas.

Jose Ramón Pérez Sampedro, fillo do armador do Mestre Bobicha: "En España ou Portugal é unha sanción leve, duns 2.000 euros, e non levan o barco a terra. Aquí levaron o barco, puxeron unha sanción desorbitada e agora toca esperar 40 días polo próximo xuízo".

Malia que o armador é de Ribeira, o Mestre Bobicha ten bandeira portuguesa. De feito, no palangreiro aseguran que as autoridades lusas van interceder por eles ante Irlanda. Mentres, continúa a espera dos doce tripulantes, que temen perder a campaña se a situación non se resolve en pouco tempo.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/08/2019