CRTVG

Buscar

Convocan a folga na Atención Primaria para pedir máis recursos

Publicado o 01/04/2019 21:34

A folga está convocada pola Coordinadora Galega de Atención Primaria e está apoiada por algunha sociedade científica e por case todas as organizacións sindicais, polo momento só se descolga o sindicato de enfermería. Mobilizaranse os días 9,10 e 11 de abril para pedirlle a Sanidade a apertura dunha mesa diálogo para elaborar un novo acordo sobre a mellora da Atención Primaria. Sobre a mesa poñen dous puntos que din, son irrenunciables.

"As dúas liñas vermellas que non imos consentir que se vulneren son que se revoguen as EOXI, as estruturas de xestión que supeditan a Atención Primaria á Xerencia e aos servizos hospitalarios, e un aumento de recursos económicos que é a base para acabar coa precariedade", asegura Manuel Martín da Coordinadora Galega de Atención Primaria.

O Sergas di que a protesta ten "un cariz político"

O Servizo Galego de Saúde cualifica como "inconcretas" as reinvindicacións baixo as que se convoca a folga na Atención Primaria. Desde o Sergas denuncian que a mobilización ten "un cariz político claro e indiscutible". "Ten un cariz político importante, por un lado polo tempo que se deu na convocatoria, practicamente no último momento do prazo, polo tanto, para poder negociar as condicións é un prazo moi reducido. En segundo lugar porque as propostas que se recollen no documento da convocatoria son propostas demasiado xerais, inconcretas como para poder ter unha negociación real sobre as mesmas", afirma Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas.

Desde o Sergas defenden que levan tempo traballando para mellorar os servizos de Atención Primaria e destacan a súa aposta polo diálogo coa creación de grupos de traballo cos profesionais de todas as categorías, sociedades científicas e coa participación aberta tamén aos cidadáns.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/04/2019