CRTVG

Buscar

Piden tres anos para unha muller acusada de maltratar os seus fillos en Lugo

Publicado o 06/02/2019 14:13

A Fiscalía do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo pide tres anos de prisión para unha nai por violencia habitual no ámbito familiar. A muller está acusada de someter os seus tres fillos menores a malleiras e castigos diarios, de deixalos sós na casa sen comer durante días ou de obrigalos a durmir na entrada da vivenda á intemperie.

A porta pechada, xulgaron en Lugo unha muller acusada de maltratar de xeito habitual os seus tres fillos menores. Segundo o escrito da acusación, entre os anos 2011 e 2014, cando residían en Monforte unicamente na compaña da nai, sometíaos a castigos diarios, chegando a deixalos varios días sós na casa e sen comer. Tamén os obrigaba a durmir na entrada da vivenda, á intemperie, e adoitaba darlles malleiras, con empurróns, tiróns de pelo, patadas e ameazas cun pau.

Como consecuencia da denuncia por parte do pai dos rapaces nun xulgado de Barcelona, en 2015 decretárase unha medida cautelar a prol das vítimas, consistente na prohibición de achegarse a elas a menos de 300 metros.

Polo delito de violencia habitual, a Fiscalía do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo solicita para a acusada unha pena de tres anos de cadea, o afastamento da súa prole durante cinco anos e mais o pagamento dunha indemnización de 10.000 euros a cada fillo menor de idade. Pola súa parte, a defensa pide a libre absolución.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/02/2019