CRTVG

Buscar

Piden tres anos para a muller que voou con 600 gramos de cocaína no seu organismo

Publicado o 09/01/2019 14:15

Visto para sentenza o xuízo contra unha muller que transportaba máis de seiscentos gramos de cocaína no seu organismo. Viaxaba nun avión desde a República Dominicana a Italia, pero un dos paquetes coa droga rebentoulle dentro do corpo e o avión tivo que aterrar de urxencia na Lavacolla.

O fiscal rebaixou a tres anos de cárcere, e seis meses máis de responsabilidade subsidiaria, a petición inicial de cinco anos que fixera contra esta muller que leva en prisión preventiva desde agosto do ano pasado. No xuízo que se celebrou esta mañá na sección da Audiencia Provincial con sede en Santiago, a acusada recoñeceu os feitos. Viaxaba nun avión entre a República Dominicana e Italia cando quedou inconsciente ao rebentarlle dentro do corpo algunha das máis de 50 cápsulas con cocaína que inxerira.

O avión aterrou de urxencia na Lavacolla e a ela operárona no Hospital Clínico: extraéronlle cincuenta e cinco cápsulas, algunha delas rota, que contiñan máis de seiscentos gramos de cocaína. A intervención salvoulle a vida. A procesada, que ten nacionalidade italiana, dixo que aceptara transportar a droga para pagar unha débeda co seu camelo. O seu avogado defensor considera que a debían xulgar na República Dominicana ou en Italia. En calquera caso, pediu que lle apliquen varias atenuantes como a de drogadicción e confesión, que a condenen a un máximo de seis meses a cumprir en Italia e que a deixen xa en liberdade provisional.

Noticias web

09/01/2019