CRTVG

Buscar

Piden que se protexa un niño de cegoñas na cidade de Ourense

Publicado o 10/03/2021 21:22

Auria e Ramón vixían a cidade de Ourense dende o máis alto e cunhas vistas inmellorables, xusto a carón da praza maior. Neste guindastre que traballa nas obras do museo arqueolóxico foi onde decidiron establecerse. É a súa segunda localización despois de que desmantelaran o guindastre que foi o seu fogar moi preto de aquí o ano pasado, daquela tiveron dúas crías. A parella é xa ben coñecida entre os ourensáns.

"Pois que sigan aí producindo familia".

"Encántanme, non me importa nada que estean aí, e protexelas todo o que poidamos".

As asociacións ecoloxistas lembran que se trata dun ave migratoria protexida pola lei e que hai que facer todo o posible para coidalas, especialmente na época de cría, que non remata ata o mes de setembro.

"Gustaríanos dalgunha maneira como se fixo noutras cidades que se protexera o que é a estrutura onde están apoiadas, como unhas proteccións, unhas redes para que protexa a ave, as futuras crías se chega a telas, e tamén os cidadáns nun momento dado por se cae algún pau, algunha rama...", apunta Nanci Blanco, da Asociación Amigos das Cegoñas.

Din que deste xeito non habería que interromper o traballo do guindastre e que as cegoñas contarían coa protección que precisan. Así llo trasladaron xa as administracións, pero seguen a espera dunha resposta. Din que recurrirán a xustiza se non atenden as súas demandas.

"Tómanse as medidas que sexan, van ser uns meses, despois que as reubiquen, que poñan unha plataforma nalgún edificio no que decidan".

Mentres, Auria e Ramón, alleas á sona que están a acadar nos últimos días, coidan do seu niño, un dos novecentos que hai espallados por Galicia.

Noticias web

10/03/2021