CRTVG

Buscar

Piden penas de ata 21 anos para cinco acusados de tráfico de persoas e de drogas

Publicado o 08/02/2021 14:38

Xuízo na Coruña contra cinco persoas acusadas de comerciar con mulleres, prostitución e tráfico de drogas. Segundo o escrito da acusación, están vencellados entre si por lazos de amizade e familiares.

A fiscalía acúsaos de traer varias mulleres desde Colombia, facéndolles crer que ían traballar de camareiras para despois obrigalas a exercer a prostitución na zona de Ferrol. E afirma amais que lles esixían cartos por traelas a España. Tamén os investigan por tráfico de drogas e inmigración ilegal. Porén todos eles negaron estas acusacións.

Unha das procesadas explicou na sala que todos os seus ingresos procedían da prostitución que exercía sempre en clubs e recoñeceu ser consumidora de cocaína, pero dixo que nunca vendera substancias estupefacientes.

E contou que tan só fixera unha carta de invitación para traer a España un home co que despois tivo problemas de convivencia e foi quen a denunciou.

"É a única carta de invitación que fixo a miña clienta, malia que el manifestou desde Valencia que é onde segue exercendo a prostitución, que traían moitas persoas de diferentes países", explica Víctor Bouzas, avogado da defensa.

As defensas alegan que non existen ni unha soa proba que acredite como certas as acusacións que deron lugar ao xuízo.

"Todos estamos no mesmo senso. Non existe ningún elemento obxectivo que entendamos que poida impedir a solicitude da libre absolución. O traballo terá que facelo o Ministerio Público para poder acreditar esas graves acusacións que pesan sobre os 5", engade Víctor Bouzas.

Tres deles enfróntanse a un total de 21 anos de cadea e os outros dous, a oito anos.
Está previsto que o xuízo continúe mañá na Audiencia Provincial da Coruña.

Noticias web

08/02/2021