CRTVG

Buscar

Piden pasos peonís seguros en Brión

Publicado o 25/08/2020 10:33

Un rebaixe de beirarrúa deficiente pode ocasionar un accidente persoal de consecuencias insospeitadas. Sábeo ben José, veciño de Monte Balado, en Brión. Pasoulle a principios de xullo neste paso de peóns acabado en todo un obstáculo para vehículos como o seu. Para superalo tivo que poñer unha marcha máis potente, que acabou guindándoo pola rampla abaixo.

Dolores Fernández Mayo, esposa do accidentado, explica que "non é primeira vez que cae. Xa van dúas. Quero que o arranxen, porque non hai dous sen tres. A primeira vez non lle pasou nada. Unha veciña atendeuno e socorreuno, quedou agarrado ao poste ese. A segunda vez tivo consecuencias: un mes no hospital, unha semana na UCI e a operación que tiveron que facerlle para quitarlle a hemorraxia interna na cabeza. Non quero que pase unha terceira vez. Por favor, arránxeno; se hai que cambiar de lugar o paso de peóns ou facer un acceso novo, e que aquel tamén o arranxen. É o que pido".

Di Dolores que así llo pediu ao Concello de Brión, porque o risco é para todas as persoas con mobilidade reducida. Está á espera de resposta. Tamén lle pide indemnización: "Porque este home agora precisa rehabilitación, volver ao logopeda porque a mobilidade que tiña perdeuna polo accidente. Antes podia moverse con muletas en distancias curtas, poñerse de pé el só. Agora non pode facer iso".

A vítima, José Fiúza Agrafojosinala que para acabar con este problema non fai falta moito gasto: "Simplemente con botarlle un pouco de cemento xa estaba. Cun caldeiro de masa chegaba para arranxalos todos".

Agardan que Goberno municipal de Brión responda e tamén á solicitude que, din, presentaron vai para dous anos para usar a praza específica de aparcadoiro que hai diante da súa casa.

Noticias web

25/08/2020