CRTVG

Buscar

Piden once anos de cadea para o home acusado de abusar dunha menor

Publicado o 03/04/2019 18:04

Nada máis comezar a vista oral, o investigado declarouse inocente. Contou que en ningún momento quixo nada serio coa rapaza coa que, segundo manifestou, só tiña unha relación de amizade para falar, en que había tamén flirteo, bicos e apertas. Pero negou que mantivese con ela relacións sexuais en ningunha das nove veces que quedaron para verse. Explicou que a moza estivera só en dúas ocasións na súa casa de Arteixo e que fora para coller o can co propósito de ir pasear ao parque.

Estanislao de Kostka, avogado da defensa: "Si é certo que tiveron unha relación de amizade, pero consciente o meu cliente de que era menor de 14 anos e que non podían manter relacións sexuais...".

O investigado declarou tamén que tanto a nai como a tía da menor falaron con el para esixirlle que deixase de verse coa rapaza, pero nunca o acusaran de abusar dela sexualmente. Contou que outro día, tras ser agredido polos tíos da moza, o pai dela chamou a Policía Nacional para denunciar que tiñan retido un violador que abusara da súa filla.

Estanislao de Kostka, avogado da defensa: "Esta defensa agarda poder demostrar que os feitos non son certos".

A defensa solicita a libre absolución. Porén, a Fiscalía considérao autor dun delito continuado de abusos sexuais entre xaneiro e agosto de 2017. Pide once anos de cadea e 6.000 euros polos danos morais derivados do delito.

A vítima, menor de idade, declarou a porta pechada.

Está previsto que o xuízo remate mañá.

Noticias web

03/04/2019