CRTVG

Buscar

Piden oito anos para o acusado de atropelar mortalmente unha muller en Viveiro

Publicado o 28/03/2019 14:09

O pasado 3 de outubro, un veciño de Ourol, presuntamente, atropelou unha muller en Viveiro, que morreu días despois. O condutor, que admite que tiña o o carné retirado, supostamente, conducía baixo os efectos do alcol e, ademais, fuxiu. A mesma noite foi detido e encóntrase en prisión dende o día seguinte aos feitos. Polos delitos de homicidio imprudente, omisión de socorro, condución sen permiso e condución baixo a influencia de bebidas alcólicas, a Fiscalía do Xulgado do Penal número 2 de Lugo pide para o acusado unhas penas que suman oito anos de cadea. Solicita ademais o pagamento duns 250.000 euros ao viúvo da falecida e mais aos seus catro fillos, unha cantidade semellante á que reclama a acusación particular.

Pablo Álvarez, avogado da acusación particular: "Os feitos sucederon en Viveiro, en Landrove. Cando unha persoa quería cruzar a vía para poder acceder ao seu domicilio, que estaba da outra beira da estrada, foi atropelada por un condutor, que circulaba baixo a influencia de bebidas alcohólicas e substancias estupefacientes. É o que se vai dilucidar aquí xunto coa actuación posterior do condutor, que fuxiu do lugar dos feitos".

No xuízo, o acusado declarou que non se decatara do atropelo e que bebera na cea, cando xa estaba na casa. A súa defensa pide, por tanto, que saia absolto dos delitos que lle imputan agás do de condución sen permiso.

Jaime Pernas, avogado da defensa: "El alega que colleu o colle para ir buscar medicinas para a súa nai, que estaba encamada e dependía del. O feito de que conducira sen carne é un delito claro, pero iso non o fai respoensable da morte dunha persoa. É totalmente distinto, son dúas cousas distintas".

Entre as testemuñas citadas no xuízo figuran os cinco axentes, tres gardas civís e dous policías locais, que interviñeron tras o sinistro e que contribuíron a localizar e deter o acusado no seu domicilio, onde dera positivo nas probas de alcol e opiáceos.

Noticias web

28/03/2019