CRTVG

Buscar

Pídenlle ao Reino Unido que volva interrogar o capitán do barco en que fuxiu Anglés

Publicado o 21/02/2020 14:39

A xuíza encargada do caso Alcàsser pídelle axuda ao Reino Unido sobre a suposta fuxida en barco de Antonio Anglés a Irlanda en marzo de 1993. A xuíza emitiu unha orde europea de investigación en que solicita a colaboración das autoridades británicas.

A xuíza de Alzira, Valencia, quere que se volva interrogar o capitán do barco onde, supostamente, fuxiu Antonio Anglés a Irlanda. O mariño dixo nunha recente reportaxe televisiva que o asasino das tres mozas usou unha pequena lancha inchable para escapar cando o barco estaba preto do porto de Dublín.

Dado que a orde de busca e captura contra Anglés segue activa, ten que investigarse calquera dato novo que poida contribuír a coñecer o seu paradoiro e propiciar a detención, segundo lembra o Tribunal Superior de Xusticia da Comunidade Valenciana.

O xulgado de Alzira recibiu un informe policial que solicita novos interrogatorios a membros da tripulación para esclarecer como Anglés puido saír do camarote, e a xuíza emitiu unha comisión rogatoria internacional ao Reino Unido en que solicita que se tome esa declaración.

O secuestro e asasinato de Miriam, Toñi e Desirée, as tres adolescentes de Alcàsser violadas e torturadas ata a morte por Antonio Anglés e seu compinche Miguel Ricart, en liberdade desde 2013, mantivo en tensión a España ata que se atoparon os corpos, dous meses despois da desaparición, en novembro de 1992.

Noticias web

21/02/2020