CRTVG

Buscar

Piden o desamantelamento dun punto de venda de droga en Santiago

Publicado o 22/02/2019 14:30

Os veciños do Pexigo, en Santiago de Compostela, viven atemorizados polas ameazas e comportamentos dunha familia que ten ocupadas ata tres vivendas en dous edificios da zona. Aseguran que os pisos son puntos de venda de droga e que os conflitos son continuos. Mentres esperan unha resolución xudicial que os desaloxe, piden que a acción policial sexa máis contundente.

"Atemorizados e fartos de vivir inseguros", así describen a situación que están a vivir os veciños das rúa Pexigo de Arriba e Pexigo de Abaixo que, por medo, declinan falar ante a cámara. Desde que hai un ano unha familia de etnia xitana ocupou tres vivendas en dous edificios destas rúas a situación é insostible, di unha das veciñas dun dos inmobles ocupados ilegalmente. Malia estar ameazada por un dos integrantes da familia, asegura que está farta de ver pasar día e noite bolsiñas de droga por diante da súa ventá que os compradores recollen na mesma rúa, un feito que testifican outros veciños que din que os portais son auténticas salas de espera.

Din que desde que ocuparon as vivendas os danos nas zonas comúns dos edificios son continuos, que tiran comida e lixo polo patio de luces, e que o ruído é insoportable. Sospeitan, ademais, de que as constantes avarías que sofren na subministración eléctrica se deben aos enganches ilegais destas familias.

Aseguran que malia que a Policía está ao corrente do que alí se move, a súa presenza pola zona é anecdótica pese a que se trata de rúas que dan acceso a tres colexios.

As tres ocupacións están denunciadas. Hai unha semana celebrouse o xuízo, pero un erro na documentación obriga a repetilo. Malia todo, aseguran os veciños que os ocupantes ilegais xa teñen outras vivendas localizadas para mudarse no caso de que o xulgado os desaloxe.

Os veciños piden que se tomen medidas urxentes e que a policía interveña nestas vivendas conflitivas para desmantelar os puntos de venda de droga.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/02/2019