Reivindicar unha sociedade máis inclusiva no Día Mundial do Autismo
Hoxe é o Día Mundial de Concienciación do Autismo, unha xornada para visibilizar as persoas con este trastorno e para reivindicar unha sociedade máis inclusiva e menos discriminatoria. Arredor de 27.000 persoas en Galicia están diagnosticadas. En nome delas, a Federación Autismo Galicia levou hoxe ao Parlamento as súas demandas.
Cunha visita guiada á sede da Cámara finalizaba o acto organizado hoxe pola Federación Autismo Galicia para conmemorar o día mundial de concienciación sobre este trastorno, que afecta en Galicia unhas 27.000 persoas. Unha xornada para a visibilización, pero tamén para reivindicar unha sociedade inclusiva.
María Jesús é a nai de Sara, unha rapaza de 22 anos con autismo. A ausencia de linguaxe oral e as dificultades para a interacción social son algunhas das principais dificultades neste trastorno.
A formación docente para unha mellor atención educativa ou o reforzo sanitario son algunhas das demandas. Ademais piden apoios para a inserción laboral dun colectivo cun desemprego de máis do 80%.
En definitiva, piden o que di o seu slogan neste día mundial de concienciación: unha dinámica nova para o autismo.