Piden máis vixilancia en Esteiro para atallar os danos no campo de fútbol, que atribúen a grupos de 'botellón'
Na Esteirana levaron un bo desgusto cando abriron as portas do recinto, como todas as mañás, e atoparon estragada a zona das bancadas. Uns asentos con historia, porque antano eran de cor celeste e ocupaban os chanzos de Balaídos, antes de ser doados ao modesto club local, pintados coas cores do equipo e colocados polos propios socios, apareceron arrancados, estragados e nalgúns casos inservibles. Nesta sociedade deportiva apuntan aos mozos e ao botellón. Manolo, un dos socios, insiste: "Non é que teña dúbidas, é que os vin!, vinos entrar algunha vez!". Engade que "é xente de fóra e tamén algúns de aquí; no verán xúntanse e fan das súas".
O presidente da Esteirana S.D., José Manuel Abeijón, cre que "nun grupo de botellón de 20 ou 30 mozos con un ou dous que queiran facer dano, ao final, cando está terminando a festa, queren deixar a súa pegada de machotes, e é o que adoita pasar". Láiase de que "somos unha vila pequena e todo sae do esforzo de pobo, e que nos pase isto déixanos totalmente decepcionados".
O club, que xa presentou unha denuncia ante a Garda Civil, espera que os autores dos danos sexan identificados e se fagan cargo dos custos da reparación. Desde a Esteirana piden que as forzas de seguridade visiten con máis frecuencia a zona para disuadir a quen queira danar o patrimonio público.
"Presentei a denuncia, dixéronme que ían investigar quen foran os autores deste desastre e máis nada", conta Abeijón, que tamén se queixa de que "aquí as autoridades moito non veñen, pasan de cando en vez revista os municipais para dar unha volta pero nunca chegan a nada".
A permanencia de grupos de persoas non conviventes está prohibida entre a unha e as seis da madrugada en concellos con nivel alto ou máximo de restricións, como o de Muros.