CRTVG

Buscar

Piden doazóns de A positivo e 0 negativo

Publicado o 04/06/2019 17:03

A dirección da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ADOS, di que as reservas de sangue están nun momento de baixa xeneralizada. E iso a pesar de que no mes pasado acudiron máis persoas a doar. Pero a demanda está a ser maior e os grupos que máis se resenten son A positivo e 0 negativo.

Marisa López García, directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ADOS explica: "Neste momento temos unha situación con pacientes que requiren altos niveis de transfusión e tamén temos unha actividade importante de transplante; no que vai de ano creceron un vinte por cento e todo isto repercute nas nosas reservas. No grupo A positivo e no 0 negativo, o doador universal, a situación é de alerta".

A acción de doar sangue é sinxela, só cómpre dedicarlle algúns minutos para achegarse a un dos puntos fixos que hai nos sete hospitais principais de Galicia ou a un dos dez autobuses que a cotío percorren Galicia. No hospital de Santiago, Ana invitaba á sumarse ao colectivo de doazón.

Ana, que acode periodicamente a doar, di que "porque non custa nada e porque todos nalgún momento podemos precisalo. Cada un ten que pensar na súa persoa máis querida e que a vida dela estivera en perigo, que se puidera salvar por uns minutos aquí. Non merece a pena?.
Ademais aquí hai persoal estupendo. Fanche unha analítica, o que che permite aforrar unha visita ao médico. Aténdente moi amablemente, podes vir o día que queiras...".

Non todo o mundo poder doar sempre. Por exemplo, é algo novo que se tivo relacións sexuais cunha parella nova sen protección debe agardar catro meses para doar. A información completa está en  https://ados.sergas.gal ou no teléfono 900 100 828, de chamada de balde.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/06/2019