CRTVG

Buscar

Piden con 70.000 sinaturas a suspensión do Campionato Galego de Caza de Raposo

Publicado o 17/01/2020 20:43

A polémica envolve este ano o Campionato Galego de Caza de Raposo, que se celebra entre Láncara e Triacastela. Preto de 2.000 hectáreas deste concello lugués están afectadas por unha praga de ratas toupeiras, e o raposo é un dos predadores naturais deste roedor. Por esta razón, o colectivo ecoloxista Adega solicitoulle á Xunta a suspensión inmediata do certame, unha petición á que se adhiren os sindicatos agrarios.

Brais Álvarez, sindicato Labrego Galego: "Incluso o propio informe da Xunta informa que unha das causas da explosión demográfica causante da praga vén dada pola diminución do número de depredadores naturais, que son tanto o raposo coma a donicela ou as aves de rapina."

Pola súa parte, dende a Federación Galega de Caza, que organiza o certame, sinalan que a zona onde se cazarán os raposos dista uns 18 quilómetros de onde se dá a praga de ratas toupeiras.

Luis Fidalgo, vicepresidente da Federación Galega de Caza: "É certo que nalgunha parte, máis cara á zona de Pedrafita, hai un pequeno problema cunha praga, pero dende logo non se vai cazar nesa zona, senón xusto no lado contrario, cara á zona de Sarria. Creo que non imos interferir en absoluto, e de todas formas en ningún caso nun campionato destes hai unha sobrecaza."

Entrementres, unha petición en change.org para que a Xunta suspenda o certame de caza xa suma preto de 70.000 sinaturas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/01/2020