CRTVG

Buscar

Piden 5 anos para un xestor de Burela acusado de quedar con cartos dos clientes

Publicado o 14/11/2017 14:06

Xestionáballe os asuntos dende a xestoría, tiña ata un poder notarial para representalo, e agora está acusado de apropiación indebida. Un xestor de Burela enfróntase a cinco anos de prisión e unha indemnización de 90.000 euros. Quen o denuncia é a vítima dun accidente de tráfico, que contratara os seus servizos para que lle levase os papeis mentres el estaba ingresado no hospital.

A Audiencia Provincial de Lugo abriu xuízo oral para xulgar o administrador dunha xestoría de Burela acusado de apropiación indebida.Segundo o relato da Fiscalía, o demandante contratou os seus servizos a finais de 2005, despois de sufrir un accidente de tráfico que lle deixou graves lesións medulares, co obxectivo de que lle xestionase os papeis relativos á indemnización que debía percibir. O escrito sinala que o acusado conseguiu que lle asinasen un poder notarial, alegando que era necesario para as súas funcións, e no que se lle atribuían facultades para a administración e disposición de bens. Ademais sinalan que presuntamente o acusado requiriu que se lle entregase en man a cantidade de 2.000 euros mensuais para a realización de diversas xestións e que con ánimo ilícito de enriquecemento usou, entre 2006 e 2007, o poder notarial para retirar cantidades de diñeiro da conta bancaria do seu cliente ata un total de algo máis de 90.000 euros.

Por estes feitos, a Fiscalía considera que é autor dun delito de apropiación indebida e pide para el unha pena de cinco anos de prisión, unha multa de 4.300 euros e a indemnización de 90.000 conforme a devolución do diñeiro subtraído.

A acusación particular concorda coa Fiscalía en canto ás reclamacións económicas pero pide para o acusado seis anos de cadea.

Pola súa banda, a avogada da defensa solicita para o acusado a libre absolución. Negan o relato dos feitos e alegan falta de probas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2017