Piden catro anos de prisión para o home que atropelou un pelotón ciclista na Guarda
Tras o seu aprazamento en novembro polo ingreso hospitalario do acusado, hoxe celebrouse en Pontevedra o xuízo polo atropelo que causou a morte de dous ciclistas na Guarda en 2016. Manuel Benito Alonso, que agora supera os noventa anos, acolleuse ao seu dereito a non declarar nunha vista en que compareceron como testemuñas algúns dos ciclistas feridos e os gardas civís que realizaron o atestado.
Todos confirmaron que o sinistro se poduciu nunha recta con visibilidade nun día sen complicacións atmosféricas. Segundo os axentes, no lugar non atoparon pegadas de freadas, o que corrobora as declaracións dos ciclistas, que explicaron como os atropelou sen frear e sen realizar manobras de rectificación.
O atestado policial recolle que o acusado superaba os 70 quilómetros á hora, a velocidade máxima á que podía circular polas retricións que tiña no seu carné de conducir, e que ademais non gardou a distancia lateral de seguridade. O condutor que circulaba xusto detrás do acusado asegurou que os cilcistas non fixeron manobras estrañas.
As testemuñas manifestaron que o acusado parou a douscentos metros pero non auxiliou os ciclistas e continuou a marcha.
Especialmente dura foi a declaración dun dos ciclistas máis gravemente feridos, que despois de meses en coma explicou as graves secuelas que padece. O xuízo quedou visto para sentenza. O ancián enfróntase a unha pena de catro anos de prisión por dous delitos de homicidio e sete de lesións.