CRTVG

Buscar

Piden 4 anos para unha empregada do Sergas por acceder ao historial da filla

Publicado o 08/02/2019 21:30

A Fiscalía pide catro anos de cadea para unha muller, traballadora no antigo hospital Xeral-Cíes de Vigo, que supostamente accedeu de forma irregular ao historial clínico da súa filla, maior de idade. Acúsaa dun delito de revelación de segredos, castigado no Cógido Penal e agravado por ser funcionaria pública. A lei establece nos 14 anos a idade a partir da que é preciso o consentimento da persoa afectada.

A fiscalía considera que non había xustificación asistencial ningunha e que a acusada, persoal administrativo do Sergas, tampouco tiña o consentimento da súa filla. Mesmo así, segundo o Ministerio Público, esta muller accedeu un cento de veces, entre 2012 e 2014 ao historial médico da filla, facendo un uso indebido da súa clave de usuario.

A lei deixa ben claro que só deben acceder ás historias clínicas os traballadores directamente implicados na atención aos pacientes.

O feito de que a acusada fose parente da persoa cuxos datos médicos consultou non a exime de responsabilidade. A lei establece que debe existir consentimento mesmo antes da maioría de idade.

"No regulamento europeo falábase de que a partir dos 16 anos unha persoa xa podía decidir sobre os seus datos; en España tiñamos os 14 anos e na nova LOPD puxémola nos 14".

A acusación particular pide catro anos de cadea e nove de inhablitación absoluta. Ademais, solicita o pago dunha multa de 7.200 euros.



 

Noticias web

08/02/2019