CRTVG

Buscar

Piden axuda para restaurar a igrexa de Vilabade, estragada pola humidade

Publicado o 28/01/2019 13:35

A humidade vai devorando pouco a pouco a igrexa de Vilabade. Polas súas dimensións é coñecida popularmente como a catedral de Castroverde. Con máis de 500 anos ás súas costas, arquitectonicamente é un dos referentes do gótico galego. Dende hai máis de 30 anos non se realiza ningún traballo estrutural na igrexa, que agora se ve urxente. Hai un proxecto técnico para arranxar as filtracións de auga, pero non hai fondos para financiar as obras. O bispado afrontará parte do custo, pero non a súa totalidade.

Manuel Varela, párroco da igrexa de Vilabade"O proxecto xa está feito, só falta o financiamento. As obras son para solucionar o problema da humidade, retocar o tellado, a drenaxe e instalar un sistema de ventilación".

Os danos máis visibles son os que afectan unha das paredes laterais do templo. Nun dos altares hai unhas pinturas dos século dezaseis totalmente comidas pola humidade que o párroco xa dá por perdidas.

Manuel Varela, párroco da igrexa de Vilabade: "Estas pinturas dounas por perdidas. Son moitos anos de humidades, polo menos catro, e agravado co duro inverno do ano pasado".

Na mesma situación está a sancristía e o coro. E agora tamén temen polo retablo maior e os laterais do altar que foron restaurados hai unha década.

Manuel Varela, párroco da igrexa de Vilabade: "Do retablo maior era un namorado Trapero Pardo, sobre o que disertou na súa tese para conseguir a declaración de monumento nacional, sempre dicía que era único".

A igrexa de Vilabade conta coa declaración de Monumento Nacional e Ben de Interese Cultural.

Noticias web

28/01/2019