Piden ata catro anos de cárcere para os creadores de Seriesyonkis
Comezou en Murcia o que está considerado o maior xuízo contra a piratería en España. No banco dos acusados están os catro propietarios de dúas páxinas web que se cre que puideron causar perdas de máis de cincocentos milóns de euros á industria audiovisual.
A denuncia presentouse contra os donos de Seriesyonkis e Películasyonkis, dúas web que xurdiron no ano 2007 da man dun mozo que daquela traballaba como bolseiro na Universidade de Murcia.
As páxinas chegaron a ter tres millóns de usuarios mensuais e foi no seu momento a maior referencia en España para os que buscaban acceso gratuíto a series e películas.
Pero a clave deste xuízo radica en que ambas as dúas web non almacenaban nada, senón que despregaban links desde os que os usuarios podían acceder ao contido que desexaban.
A defensa dos catro acusados, que afrontan entre dous e catro anos de cadea, argumenta de feito que eran simples intermediarios. Para a acusación, non só houbo ánimo de lucro, senón que os propietarios das web sabían que era unha actividade ilícita poñer a disposición dos internautas material audiovisual protexido pola propiedade intelectual.
O proceso que comezou hoxe en Murcia está considerado como o maior xuízo contra a piratería en España porque se calcula que as perdas da industria audiovisual superaron os cincocentos millóns de euros.