Piden análises completas da auga do encoro do Eume, que leva días atoldada
A auga do encoro do Eume leva días atoldada. Sospéitase que sexa consecuencia dunha acción sobre os sedimentos por parte da empresa que a explota.
Segundo nos contan pescadores de Caaveiro, houbo un desaugue que baixou o nivel máis de 40 metros e logo veu a chuvia que removeu e arrastrou os sedimentos. O caudal do río experimentou cambios de volume e cun aspecto da auga inusuais.
Guillermo Maroño, presidente da Asociación de Pescadores Caaveiro: "Aquí desencoraron moita auga. Veu a chuvia e arrastraron todo para o río. Arrastrou o que lle chaman calcita para o río e, agora, aí estamos".
"A primeiros de agosto e xullo estivo o río a tope", asegura Maroño. "Desembalsaron auga seguido, seguido e despois, de mediados de agosto e todo setembro o río baixou seco de todo. Foi acabar a pesca e empezar o follón este. Deberon abrir as válvulas de fondo e tal como está o encoro xerouse o problema".
Na comarca piden unha análise completa da auga do encoro ante o risco de que puidera conter metais pesados que non só danarían a fauna do Eume, pois acabaría estragando os recursos mariños.
Segundo Maroño, "Augas de Galicia e asociacións ecoloxistas din que o ph está ben, pero están agardando que fagan unhas análises químicas para ver que é o que realmente sae aí. Porque se leva algo que lle afecta ao peixe, tamén lle vai afectar ao marisco. As autoridades pertinentes que teñan algo sobre isto teñen que actuar xa. Non poden agardar máis".
Na comarca do Eume tamén abundan as criticas polo que consideran falta de transparencia por parte de Endesa na xestión deste salto.