CRTVG

Buscar

Piden 8 anos de prisión para unha moza de Lugo por venderlle medio gramo de cocaína a un menor

Publicado o 07/10/2019 13:19

Unha moza de 21 anos está acusada de venderlle 400 miligramos de cocaína a un menor de idade. Segundo o escrito da acusación, os feitos producíronse en maio de 2017 no barrio lugués da Milagrosa. A cambio de 20 euros, déralle a un mozo de 17 anos unha bolsa coa droga que previamente adquirira nun bar da contorna. Por un delito contra a saúde pública, a Fiscalía da Audiencia Provincial de Lugo solicita unha pena de oito anos e seis meses de cadea.

Pola súa parte, a defensa pide a libre absolución, posto que a acusada comprara a cocaína para ambos e, ademais, non obtivera beneficio económico ningún co intercambio.

"Son dous consumidores, esta moza con outro mozo menor de idade, cuestión que ela descoñecía, e páraos a Policía Nacional, que os viña seguindo dende un punto de venda de cocaína. E acúsana a ela, pedíndolle oito anos e medio de prisión, porque lles colleron medio gramo cocaína e o que vén dicir a policía, ao contrario do que din eles, é que lla estaba vendendo ao rapaz. Cando en realidade son dous consumidores que compraran a súa dose e punto. Non hai máis", di Francisco Torrijos, avogado da defensa.

A acusada xa tiña antecedentes penais por feitos similares. O xuízo quedou visto para sentenza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/10/2019