CRTVG

Buscar

O acusado de tentar matar a súa ex e o fillo dela, négao e di que era unha "relación tóxica"

Publicado o 12/02/2020 11:43

O home que este mércores sentou no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo por tentar matar a súa ex-parella e o fillo dela, negou os feitos que lle imputa o ministerio fiscal, que pide para el 30 anos de cárcere, e atribuíu a denuncia da muller á relación "tóxica" que ambos mantiñan.

O ministerio fiscal sostén que este veciño de Foz se presentou na vivenda da súa ex e abriu os catro fogóns da cociña e as bombonas de butano que había nun quentador e nunha estufa, supostamente co obxectivo de acabar coa vida da muller e do seu fillo, porque nunca aceptou a ruptura da súa relación sentimental.

O xuízo comezou na Audiencia Provincial de Lugo e o ministerio público impútalle ao acusado os delitos de asasinato en grao de tentativa, roubo, quebrantamento de medida cautelar e danos, porque sostén que o procesado entrou no piso da vítima, onde roubou e causou danos, ademais de perseguir e de acosar de forma frecuente á muller, á que lle impedía "o libre exercicio da súa liberdade".

Segundo o fiscal, o acusado "negouse" a aceptar o final da relación afectiva e, unha vez que cesou a convivencia entre ambos, dedicouse a controlar os movementos da súa ex-parella, o que provocou nela unha sensación de temor que a obrigou a cambiar os seus hábitos e mesmo a pedirlle a unha compañeira de traballo que non a deixase soa.

Ante esa situación, o 15 de outubro de 2016, o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro ditou unha orde de afastamento na que se lle prohibía ao sospeitoso achegarse a menos de 40 metros, así como comunicarse con ela por calquera medio.

Con todo, o 10 de marzo de 2017, foi condenado por sentenza firme do Xulgado de Instrución número 2 de Viveiro, a oito meses de prisión por un delito de quebrantamento desa medida cautelar.

Durante a súa declaración, o acusado negou que entrase na casa dela o día de autos, o 30 de marzo de 2018, e tamén que abrise as bombonas de butano que había na vivenda coa intención de acabar coa vida da súa ex-parella sentimental e a do fillo dela.

Recoñeceu, iso si, que pasou por preto da súa casa "bastante cocido", pouco antes das dúas da madrugada, porque levaba "de viños desde as oito da tarde", pero non se decatou desa circunstancia ata que ela lle falou a el, porque ía en busca do seu coche para marchar ao seu domicilio.

O acusado asegurou que, a pesar da orde de afastamento decretada o 15 de outubro de 2016 polo Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro, mantivo unha relación coa suposta vítima desde xullo de 2011 ata o mesmo "día de ingresar en prisión", o 31 de marzo de 2018.

De feito, dixo que tentou cumprir esa orde de afastamento, pero só o fixo durante "17 días, ata que ela se presentou" para pedirlle "perdón".

Desde entón, "quebrantei diariamente" a orde de afastamento "ata o día da miña detención".

Asegurou que a relación entre ambos continuou "ás agachadas da súa familia e da Garda Civil" e que o contacto se prolongou mesmo cando el estaba ingresado en prisión, porque a muller o chamaba "ata catro veces ao día", chegou a "ingresarlle diñeiro" e mesmo saltaba "o valo" da súa casa para interesarse polos seus cans.

En todo caso, recoñeceu que a relación entre ambos era "tóxica", porque eran "adictos á cocaína e alcol".

"Se bebiamos como animais e nos drogabamos como leóns, discutiamos como feras. As resacas eran moi malas. Somos dúas boas víboras, o un contra o outro", dixo o acusado na vista oral.

Tamén asegurou que nunca quixo facerlle dano "ao  crío", porque dixo que lle quería ao neno "máis que" a "moitos membros" da súa propia familia.

Con todo, o fiscal sostén que o 30 de marzo de 2018 o acusado entrou sobre as 00:30 horas no piso da súa ex-parella e, ademais de provocar varios danos na vivenda, apoderouse de diversos obxectos de valor da muller, como xoias, unhas lentes e un perfume.

A continuación, "con ánimo de acabar coa vida" da muller e do seu "fillo menor de idade", que vivía no mesmo domicilio, "abriu os catro fogóns da cociña de gas e as bombonas de butano da cociña, o quentador e unha estufa".

O fiscal sostén que, nese momento, o acusado actuou con "pleno coñecemento e plena vontade de que coa súa actuación" provocaría a "morte" da súa ex-parella e do seu fillo no momento en que ambos chegasen ao domicilio.

Subliña, ademais, que "existía unha alta probabilidade de explosión en caso de que se accionase unha fonte de ignición, como un chisqueiro, un cigarro ou un interruptor de luz, dando como resultado a morte da muller e do menor".

Finalmente, precisa o ministerio público, "non conseguiu o seu propósito", dado que cando a súa ex-parella chegou a casa, arredor da 1:45, "percibiu o forte cheiro a gas", polo que pechou as bombonas de butano e os fogóns abertos.

Posteriormente, foi auxiliada por unha patrulla da Garda Civil, que foi alertada por ela mesma e por unha amiga súa.

Esa mesma madrugada, sobre a 1:50, a pesar da orde de afastamento que lle prohibía achegarse a ela a menos de 40 metros, o fiscal aclara que o acusado se dirixiu á súa ex-parella con ánimo de atemorizala, mentres esperaba no exterior da vivenda a chegada da Garda Civil.

O ministerio público considera que estes feitos son constitutivos dun delito de roubo en casa habitada, dous delitos de asasinato en grao de tentativa e un delito de quebrantamento de condena, coas agravantes de parentesco, razóns de xénero e reincidencia.

Por iso, pide para o acusado 30 anos de prisión, a prohibición de achegarse á súa  expareja e ao seu fillo durante 17 anos, unha multa de 7.200 euros e que indemnice á vítima con algo máis de 2.000 euros polos danos causados na súa vivenda e os obxectos roubados, así como que pague os danos provocados no edificio, valorados en 1.033 euros.

A representante da acusación particular, a letrada Cecilia González, afirmou antes de entrar no xuízo que hai "probas evidentes" na causa para condenar ao acusado, polo que se suma ao ministerio fiscal na petición de 30 anos de cárcere, aínda que pide que a prohibición de achegarse á vítima ou ao seu fillo sexa por 20 anos e unha indemnización por danos morais de 6.000 euros.

O avogado da defensa, Joaquín Gayoso, precisou que a acusación "ten que demostrar" que o seu "patrocinado" foi quen abriu as bombonas de butano que había na casa, se é que realmente estaban abertas porque hai "discrepancias nas declaracións".

Nese sentido, asegurou que o seu cliente "ten unha declaración moi clara, varias máis, pero unha proba testifical moi clara" en que "se di que nese momento estaba noutro lugar" e, ademais, por parte dunha "persoa que sinala que non o coñece".

O letrado precisou que non pedirá a libre absolución do acusado, porque si recoñece o delito de quebrantamento de condena.