CRTVG

Buscar

Piden 19 anos para un home acusado de abusar das fillastras en Vilagarcía

Publicado o 12/07/2018 14:04

A Fiscalía de Pontevedra pide unha pena de 19 anos de prisión para un home acusado de abusar e agredir sexualmente dúas fillastras menores de idade. Os feitos ocorreron en Vilagarcía durante catro anos, desde 2012 a 2016.

O acusado mantén que as relacións coa maior das fillas da súa parella eran consentidas e que en ningún momento a forzara. Dixo que todo comezou cando ela tiña 13 anos e apenas levaba tres meses en España. Relatou que as relacións se producían cando a nai estaba traballando e que eran con frecuencia, moitas veces cos seus irmáns pequenos na casa. 

Pero a versión da moza é distinta. Declarou que ela se resistía, que a obrigaba a manter relacións de todo tipo e que, se se negaba, o home castigaba os irmáns. Tamén afirmou que os encontros eran case a diario, que a trataba ben e lle regalaba cousas.

O home leva dous anos en prisión preventiva. Non é drogodependente nin ten problemas co alcol e amosou arrepentimento polos tocamentos que lle fixo a outra das fillastras. Foi durante dous anos, cando a nena tiña 10 anos.

Ademais dos 19 anos de prisión por un delito continuado de agresión e abuso sexual, o fiscal solicita unha indemnización de 50.000 euros nun caso e 9.000 noutro, e a prohibición de achegarse a menos dun quilómetro das mozas durante 10 anos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018