CRTVG

Buscar

Piden dezaoito anos de cadea para un monfortino acusado de violar unha menor

Publicado o 15/09/2020 13:42

Un veciño de Monforte enfróntase a unha posible condena de 18 anos e nove meses de cadea por violar en repetidas ocasións a rapaza menor de 16 anos coa que convivía. Posto que é a filla da parella do procesado, que ademais ten recoñecida unha discapacidade psíquica, a Fiscalía considera que procede aplicar a agravante de relación de superioridade do acusado respecto á vítima.

Segundo o escrito da acusación, durante os anos 2017 e 2018, o procesado violouna en múltiples ocasións, malia a negativa expresa da vítima a manter relacións con el. Como resultado do sufrimento experimentado durante estes abusos, a rapaza padece un malestar psicolóxico de tipo ansioso, segundo os informes emitidos polos peritos que a trataron.

Ademais da pena de prisión polo delito continuado de abuso sexual a unha persoa menor de 16 anos, o fiscal da Audiencia Provincial de Lugo pide para o acusado a prohibición de achegarse á vítima durante 25 anos, liberdade vixiada durante outros dez anos tralo cumprimento da condena e mais o pagamento dunha indemnización de 60.000 euros.

Pola súa parte, o acusado negou os feitos, polo que a defensa pide a libre absolución.

 

Noticias web

15/09/2020

Máis sobre Monforte de Lemos