CRTVG

Buscar

Piden 15 anos por vender droga e secuestrar unha muller en Arteixo

Publicado o 25/03/2019 13:59

Na Coruña, quedou visto para sentenza o xuízo contra un mozo acusado de traficar con drogas e secuestrar a muller que vivía cun home que presuntamente lle debía cartos. A Fiscalía, que tamén o acusa de roubarlles na casa, pide para el 15 anos de cadea.

O acusado negou todos os feitos polos que é investigado e dixo que non lembraba exactamente que foi o que pasou aquela tarde de abril de 2016 porque estaba baixo os efectos das drogas.

A Fiscalía acúsao de ir, en compañía doutras dúas persoas menores de idade, á casa onde residía unha parella, en Arteixo, porque supostamente lle debían cartos da venda de substancias estupefacientes. O Ministerio Público engade que ao atoparse soa a muller no domicilio lle esixiu que lle entregase os cartos que lle debían e que amezou con darlle unha malleira ao home, á vez que preguntaba onde se metera. Despois marchou da casa levando consigo a muller para a súa vivenda, onde permaneceu, segundo o fiscal, contra a súa vontade ata que case cinco horas despois se presentou na vivenda unha dotación da Garda Civil que foi a que a liberou. Amais tamén o acusa de rouballes varios obxectos. Por todo isto, pide para o procesado 15 anos de cadea.

Porén, el deu outra versión dos feitos. Declarou que era amigo desa parella e que lles prestaba a súa casa para que eles venderan alí heroína e cocaína, e que tamén vixiaba por se ía a policía. A cambio, dixo, eles pagábanlle unha cantidade de cartos. Negou tamén que secuestrara a muller. Explicou que foi ela de xeito voluntario para a súa casa. Porén un dos gardas civís que declararon no xuízo afirmou que ela recoñeceu que a levaran á forza e que estivera retida.

Pola súa banda, as presuntas vítimas non puideron prestar declaración porque non foron localizadas.

O xuízo quedou xa visto para sentenza.

Noticias web

25/03/2019