Pican as rodas dos coches en Vilalba para despistar e roubar no seu interior
En cuestión de días, producíronse varios roubos en Vilalba co uso da mesma técnica. Os ladróns colocan xunto ás rodas dos coches uns tubiños afiados que están deseñados para que os pneumáticos se desinchen en canto se furen. O obxectivo é advertir o condutor de que ten a roda picada ao tempo que un cómplice o distrae con calquera pregunta e aproveitar ese intre para levarlle os obxectos de valor que teña no interior do vehículo.
"Moi sofisticado e moi estudado para que a xente corrente caia na trampa esa que tan ben perfeccionaron". "Sorprendeume porque sempre pensa un como discorren para facer o mal, mentres que para facer o ben ninguén ten ideas tan boas". "A xente anda espelida para sacar uns cartiños. E cada vez xente máis nova. Están a buscar o seu sustento, pero de mala maneira, facéndolles danos aos demais". "Vaia problema! Para o que lle toque, vaia desfeita". "Este é o meu coche, e quixera saber se ten algo por aí ou non. Este e mais aquel", comentan os residentes na vila.
Foi un taller de pneumáticos de Vilalba o que deu a voz de alarma nas redes sociais en canto detectaron varios casos de rodas picadas da mesma forma. De feito, moitos veciños da vila viron xa as fotos en que se pode apreciar o resultado do enxeño dos ladróns.
"Todos os días aparco aquí, porque na rúa principal é moito máis complicado aparcar e aquí adoita haber máis sitio. Traballo aí enfronte e entón aparco aquí todos os días. Pero a min non me tocou que me fixeran iso". "É moi sorprendente. Había que vixiar e controlar máis eses grupos que tanto dano nos fan", engaden.
Unha parella de Vilalba foi a primeira en denunciar un roubo con este modus operandi. Agora, a Garda Civil investiga a autoría destes feitos.