CRTVG

Buscar

Pharmamar avanza na procura dun tratamento para a covid-19

Publicado o 19/10/2020 15:07

Na carreira dos tratamentos para a covid-19, todas as olladas están postas no Aplidin de Pharmamar. A biofarmacéutica xa anunciou resultados positivos do seu ensaio clínico, e hoxe os responsables dos centros médicos en que se desenvolveu confirman que os datos son esperanzadores.  

O aplidin era un potente antiviral para doentes de cancros hematolóxicos, así que en Pharmamar puxeron a proba a súa eficacia contra o coronavirus. Administraron distintas doses de plitidepsina a pacientes ingresados por covid, con cargas virais medias ou altas.

En sete días conseguiron rebaixalas á metade e, en quince, a carga viral foi un setenta por cento menor. O responsable do estudo no Hospital Clínico San Carlos, Vicente Estrada, afirma que "os datos de cargas virais son bastante favorables, redúcese a carga viral, así que é un fármaco enormemente prometedor".

Ao bloquear a acción do virus, a fase inflamatoria foi menos grave e acelerouse a recuperación dos doentes. 

"Podería previr moitos dos efectos secundarios, esa fase inflamatoria que temos e que desgraciadamente morren moitos pacientes por ese efecto inflamatorio", di José Barberán, responsable do estudo no hospital HM Montepríncipe. 

Outro dato positivo: ningún dos pacientes presentou secuelas derivadas da infección a día 30 do estudo. Pedro Landete, responsable do estudo no Hospital Universitario da Princesa, aclara que habería que avaliar, "comparando con outros tratamentos habituais", se "efectivamente" as secuelas a longo prazo son menores.

Os resultados son positivos, pero hai que collelos con cautela. Contan validalos cando o ensaio pase á fase III, que xa involucraría milleiros de pacientes en estudo.

Noticias web

19/10/2020