CRTVG

Buscar

A vacina para menores de 12 anos podería estar autorizada antes de que remate o ano

Publicado o 08/10/2021 14:53

• Pfizer pediu aos EUA aprobación para inocular o grupo de 5 a 11 anos

• Darias asegura que "cando dea a autorización, estamos preparados"

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, transmitiu ao Goberno canario que antes de que finalice este ano podería estar autorizada a vacina para menores de 12 anos e por tanto comezar a campaña neste grupo de poboación, o único aínda sen inmunizar.

O viceconselleiro de Presidencia de Canarias, Antonio Olivera, explicou despois do Consello de Goberno o contido da súa reunión coa ministra Darias, unha estimación de prazos que fontes do Ministerio confirmaron a Efe.

"Antes de que finalice este ano podemos falar desta vacina pediátrica, pero hai que ir por pasos, xa que non depende de nós. Está avanzado, pero a previsión da directora da Axencia Española do Medicamento (AEMPS), Chus Lamas, é que antes de que acabe o ano podemos estar a iniciar o proceso de vacinación", explicaron as fontes sobre a información facilitada por Darias ao Goberno canario.

Con todo, a ministra fixo fincapé en que a decisión corresponde á Axencia Europea do Medicamento (EMA), segundo as fontes de Sanidade: "Cando dea a autorización, estamos preparados, pero hai que esperar".

Se as previsións se cumpren, antes de terminar o ano poderíase comezar a inmunizar ao único colectivo de poboación que ata o momento quedara á marxe da campaña de vacinación, e que son ao redor de 5,3 millóns menores de 12 anos.

A farmacéuticas Pfizer e BioNtech solicitaron este xoves formalmente á Administración de Fármacos e Alimentos (FDA) de Estados Unidos a autorización para o uso de emerxencia da súa vacina contra a covid-19 en nenos de 5 a 11 anos.

Xa anunciaron fai dez días que os resultados das últimas probas clínicas xeraron unha "robusta" resposta de anticorpos e que a vacina é segura, o que achega a posibilidade dun soro infantil dispoñible para finais de outubro ou principios de novembro. 

Noticias web

08/10/2021