CRTVG

Buscar

Pfizer anuncia que a súa vacina para nenos de cinco a once anos é efectiva e segura

Publicado o 20/09/2021 16:10
Pfizer anuncia que a súa vacina para nenos de cinco a once anos é efectiva e segura
EFE

As farmacéuticas Pfizer e BioNTech anunciaron este luns que os resultados das últimas probas clínicas da súa vacina contra a covid−19 para nenos e nenas de cinco a once anos xerou unha "robusta" resposta de anticorpos e é segura, e iso achega a posibilidade dunha vacina infantil dispoñible para final de outubro.

As probas realizáronse a 2.268 participantes de cinco a once anos coa inoculación de dúas doses da vacina, con período de tres semanas entre cada unha delas.

As doses empregadas son de dez microgramos, en lugar dos 30 microgramos empregados nas vacinas para os maiores de 12 anos.

Segundo a compañía, a vacina ofreceu "unha forte resposta neste grupo de nenos tras a segunda dose" e "ademais, foi ben tolerada, cos efectos secundarios comparables" cos de persoas de maior idade.

"Estamos a desexar estender a protección dada pola vacina á poboación máis nova, suxeitos á autorización dos reguladores, especialmente agora que vixiamos a extensión da variante delta e a ameaza substancial que supón para os nenos", indicou Albert Bourla, o presidente de Pfizer, nun comunicado.

A vacina de Pfizer/BioNTech está aprobada formalmente nos EUA polas autoridades para maiores de 16 anos e conta con autorización de emerxencia para persoas de 12 a 15 anos.

Se se cumpre o proceso previo de revisión da vacina, a vacina para nenos de cinco a once anos podería estar dispoñible para finais de outubro

Noticias web

20/09/2021