CRTVG

Buscar

Pfizer adianta a entrega de 10 millóns de doses da vacina á UE

Publicado o 16/03/2021 12:44

A Comisión Europea chegou a un acordo cos laboratorios BioNTech e Pfizer para que adianten a entrega de dez millóns de doses da súa vacina ao segundo trimestre.

O obxectivo é acelerar a campaña de inmunización antes do verán. Segundo explica nun comunicado a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, "sabemos o crítico que é ese período para o desenvolvemento das estratexias de vacinación nos estados membros".

Deste xeito, os socios europeos recibirán entre abril e xuño máis de 200 millóns de doses. Este lote provén do segundo contrato que Bruxelas asinou coas dúas farmacéuticas e o seu repartimento estaba programado para o segundo semestre de 2021.

En total, a Unión Europea adquiriu 500 millóns de vacinas de BioNTech-Pfizer e pechou a posibilidade de mercar outros 100 millóns máis.

A meta da Comisión Europea

A Comisión Europea leva semanas dicindo que agarda recibir uns 300 millóns de doses de todas as vacinas entre abril e xuño para conseguir inmunizar o 70 % da poboación adulta antes de que remate o verán.

Porén, os problemas doutras farmacéuticas para cumprir co calendario previsto de distribución poñen en perigo esta meta.

A compañía anglosueca AstraZeneca anunciou que só vai poder repartir 100 millóns de doses ata xuño, un terzo do prometido. Ademais, Janssen non comezará a distribución da súa vacina monodose na UE ata a segunda quincena de abril.