CRTVG

Buscar

Petición unánime no Parlamento ao Goberno para reclamar o pazo de Meirás

Publicado o 12/07/2018 09:10

O pleno do Parlamento pediralle ao Goberno que comece de xeito urxente os trámites para que o pazo de Meirás volva a ser de dominio público. A Cámara galega debateu tres proposicións non de lei presentadas polo PPdeG, En Marea e BNG. Finalmente acordouse un texto de consenso que foi aprobado por unanimidade. A iniciativa recolle parte dos informes elaborados polos expertos e que encargou a Xunta. Neles recoméndase a vía xudicial para reclamar o inmoble, actualmente da familia Franco. Neses informes tamén se lembra que o pazo foi destinado en numerosas ocasións a acoller actos públicos, incluso se celebraron nel consellos de ministros.

A iniciativa aprobada incide en que a recuperación de Meirás se ten que facer sen ningún tipo de custo nin indemnización aos herdeiros do ditador. Hai uns meses, os Franco poñían á venda a propiedade por oito millóns de euros. De feito, o pazo continúa anunciándose en varios portais inmobiliarios e mesmo recibiu a visita dalgún comprador interesado.

Construído a finais do século XIX, a escritora Emilia Pardo Bazán foi a última propietaria antes da controvertida cesión do pazo por parte das autoridades locais ao ditador en 1938. Desde entón Meirás foi a residencia de verán dos Franco, que nos últimos anos se resistiron nos tribunais a cumprir coa obriga de abrilo ás visitas do público tras ser declarado Ben de Interese Cultural.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018