Pescan un 'black bass' de tres quilos no encoro de Santo Estevo de Ribas de Sil
En Galicia, a pesca do 'black bass' ou perca americana non está moi estendida. Trátase dunha expecie invasora, de aparencia semellante á troita, que foi introducida nos nosos encoros. En Nogueria de Ramuín, un dos pescadores que practica sobre todo a pesca sen morte desta especie capturou un exemplar de tres quilos. Un peixe case de récord.
José Benito pouco podía sospeitar que unha mañá de pesca se ía converter en todo un acontecemento. Foi a un dos seus recunchos favoritos do encoro de Santo Estevo na ribeira do Sil e alí estaba, como agardando por el, unha cobizada peza de tres quilos.
José Benito Fernández, pescador: "Foi unha experiencia bonita. Eu collino aquí unha mañá, xa o vin por riba da auga. Boteille e non picaba e fun detrás del e vino nunhas ramallas e volvín botarlle e xa foi para abaixo".
Non é a primeira peza grande que saca da auga. Asegura que no seu haber ten unha troita de 9 quilos e espera seguir batendo marcas. O 'black bass' é unha especie invasora e o máis grande pescado en España foi de 4 quilos. Esta especie da familia do salmón é moi agresiva, polo que os pescadores gozan moito das súas capturas. Non é fácil de levar para terra.
José Benito Fernández, pescador: "Neste encoro que poidan superar este pode haber exemplares, pero é difícil. Este en concreto pesaba tres quilos e cinco gramos. É moi voraz, é un peixe moi voraz. Ti bótaslle e vai picar rapidísimo".
Ademais de coñecer a zona e ter o material axeitado, para facer unha captura deste tamaño hai que ter moita maña.