CRTVG

Buscar

Pescadores do xeito de Vigo din que hai moita sardiña e piden un aumento da cota

Publicado o 14/06/2019 14:35

Parece que este ano haberá sardiña dabondo por San Xoán na ría de Vigo, pero aínda así os mariñeiros non parecen estar contentos, sobre todo os que conforman a pesca do xeito. A redución da cota de capturas imposta este ano minguará a súa campaña, que comezou en marzo.

Agora vén unha das épocas máis fortes para a sardiña e din que se non se aumentan estas cifras non chegarán ao mes de xullo. Actualmente só poden pescar unhas 65 toneladas e xa levan unhas corenta. 

Aquí na ría de Vigo e Cesantes son unha trintena de embarcacións as que denuncian unha cota da sardiña excesivamente baixa para a pesca do xeito. Unha arte artesanal para embarcacións pequenas coma estas de só dous tripulantes.

O motivo podería estar nuns informes científicos que alertan de pouco alevín na ría. Eles alegan todo o contrario. Hai sardiña dabondo pero non poden pescala.

A medida tamén afecta o cerco. Con todo, están negociando con eles para que lles ceda unhas 20 toneladas de cota. Iso permitiríalles chegar ao final do verán, o momento máis importante da campaña.

Nas prazas, efectivamente, confirmamos o excedente de sardiña e a demanda existente.

Falan dunha mala xestión por parte da Administración e piden unha revisión das cotas. Asemade engaden que deste xeito a ninguén lle vai compensar ir ao mar.

Noticias web

14/06/2019