CRTVG

Buscar

Permuta de terras entre gandeiros de Friol para ser máis eficientes

Publicado o 07/04/2021 21:02

Unha concentración parcelaria, pero aforrando os custosos procesos burocráticos e, sobre todo, os procedementos legais que se poden facer moi longos. Iso é o que están a poñer en marcha en Friol cun proxecto que estará rematado antes de que acabe este ano e que permitirá dotar de mellores terreos , de momento, 16 ganderías do concello. Numerosos veciños xa pediron incorporarse á iniciativa.

Ceder os terreos que quedan máis lonxe das granxas e incorporar os máis próximos. Igual que nunha das famosas parcelarias. A diferenza é que neste caso o máis importante é a vontade dos veciños. Unha vez que hai acordo entre eles, os trámites redúcense ao mínimo. Así, este proxecto de permuta de terras de Friol podería culminarse en pouco máis dun ano cando as parcelarias case nunca baixan de dez.

"Isto é diferente dunha parcelaria porque non hai tantos pasos administrativos e o que se ten en conta é o acordo entre veciños", explica Paz Rodríguez. Xerente do GRD Comarca de Lugo

Polo de agora participan 16 gandeiros que mobilizaron 198 parcelas que suman un total de 120 hectáreas. É un 50% máis das previstas a comezos do ano e agárdase que se adhiran máis. Para os participantes supón unha importante axuda no seu traballo.

"Axuda moito porque non é o mesmo andar coa maquinaria nunha leira de 9 hectáreas que nun terreo pequeno de mil metros", salienta Óscar Penín, gandeiro

Estas leiras onde se cultiva o millo e a herba que comen as vacas son máis rendibles se non hai que percorrer grandes distancias para traballalas. Con esa idea xurdiu o proxecto de permuta de terras de Friol.

Dende o Concello de Friol, que promove o proxecto, sinalan que o que se fixo foi botar man dunha figura legal que, de momento, está moi pouco aproveitada en Galicia.

Noticias web

07/04/2021