CRTVG

Buscar

Rosario Porto: "Non matei a miña filla, non, non matei a miña filla"

Publicado o 18/11/2020 13:24

Rosario Porto apareceu morta na súa cela de Brieva (Ávila) sete anos despois do asasinato da súa filla adoptiva, Asunta, pola que ela e o seu marido Alfonso Basterra foron condenados a 18 anos de cárcere. Desde a súa condena, confirmada por distintas instancias xudiciais, ela defendeu a súa inocencia.   

O de Brieva foi o seu último cárcere nun periplo que a levou antes a estar na Lama e na de Teixeiro, co protocolo de prevención de suicidios activo nestes últimos cárceres e avisos entón por parte do seu avogado José Luis Gutiérrez Aranguren sobre o estado en que se atopaba.

E é que hai dous anos, en novembro de 2018, protagonizou, segundo transcendeu daquela, un episodio similar ao ocorrido en Brieva, nese caso na prisión da Lama, pero con aviso previo por parte de Rosario Porto a unha interna que alertou aos funcionarios.

Un ano antes, en 2017, apareceu esvaecida na súa cela do cárcere de Teixeiro tras inxerir varias pastillas, coincidindo co día en que ía ser trasladada de prisión para cumprir condena na da Lama. Fontes penais apuntaban daquela que non era a primeira vez e vinculábano cunha "chamada de atención" e non un intento real de quitarse a vida.

 

De familia acomodada

Filla dunha familia acomodada, un reputado avogado de Santiago e unha catedrática de Historia da arte, Rosario Porto, que faleceu con 51 anos, seguiu na súa mocidade os pasos do seu proxenitor, licenciouse en Dereito e pasou tempadas en distintos países europeos para mellor a aprendizaxe de idiomas.

De feito, herdou do seu pai o cargo de cónsul de Francia, que deixou en 2006. Tamén aparcou a súa carreira como avogada uns anos antes do crime da súa filla adoptiva para reorientar a súa actividade profesional e vinculala co ámbito comercial.   

Xa casada con Alfonso Basterra, que cumpre condena na prisión de Teixeiro, decidiron adoptar na China a Asunta. Con todo, ambos puxeron fin á súa relación matrimonial con posterioridade á morte dos pais de Rosario Porto, en 2011. Deles, herdou un importante patrimonio.

 

Defendía a súa inocencia

Desde a súa condena polo asasinato da súa filla adoptiva, cuxo cadáver foi achado o 22 de setembro de 2013 nunha gabia no concello de Teo, onde Rosario Porto tiña unha casa, a través do seu avogado defendeu a súa inocencia.   

O letrado, nas súas declaracións aos medios de comunicación, alertou en varias ocasións da "depresión profunda" da súa clienta, un problema que vinculou cunha situación de "hai moitos anos". A pesar da súa recomendación, ela negábase, segundo el mesmo relatou, a pedir permisos, que el presentaba como unha maneira de lograr a súa clasificación en terceiro grao e anticipar o cumprimento da pena.

Desde o primeiro momento, as pistas sobre a morte da súa filla apuntaron á contorna próxima e, en concreto, a ela e o seu marido. Ambos, na noite en que se produciu a morte de Asunta, acudiran a unha comisaría de Santiago de Compostela para denunciar a desaparición da súa filla.   

As "inconsistencias" detectadas pola Garda Civil nas declaracións dos pais sobre os últimos movementos de Asunta e as primeiras probas precipitaron as súas detencións. Nun primeiro momento, Rosario Porto negouse a colaborar nas dilixencias, pero logo ofreceu ata tres versións fronte á postura da súa exparella, que se negou a declarar ante o xuíz e a colaborar nas dilixencias.

No xuízo, o seu retrato foi o dunha muller decaida, vestida con roupa escura, que defendeu a súa inocencia. "Non matei a miña filla, non, non matei a miña filla", respondeu ao seu avogado cando este lle preguntou directamente se fora a responsable da morte da menor nunha declaración con contradicións que vinculou daquela a "lagoas".