CRTVG

Buscar

Pérez Jácome: "O único modo de mellorar as cousas é ser diferente"

Publicado o 17/06/2019 10:47

O novo alcalde de Ourense, Gonzálo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, nunha entrevista no Bos días explicou como foron as súas primeiras horas á fronte do concello e dos contactos que xa mantivo.

 "Ao contrario do que a xente pensa, teño un trato próximo cos funcionarios", dixo.

Jácome avanzou cal vai ser a súa xestión: "A diferenza vaise notar, e o único modo de mellorar as cousas é ser diferente", asegurou. Respecto ás súas prioridades dixo que Ourense ten uns retos que ten que soluciona, e o principal é o demográfico. "Podemos baixar dos cen mil habitantes", afirmou, e "hai que evitar que a cidade siga morrendo".

Ademais, tamén dixo que "o máis básico haino que poñer a funcionar", referíndose aos principais elementos de xestión do Concello. "Hai que facer que o concello funcione, que se pareza menos a unha administración e máis ao mundo real", e aclarou "se non lle queres chamar empresa privada, chámalle equipo de fútbol, equipo deportivo".

Respecto ao pacto alcanzado co Partido Popular, polo que el ocupa a alcaldía e lle dá o apoio a Manuel Baltar para presidir a Deputación, negou que "se vendese", e engadiu "da a sensación de que Baltar me deu un carguiño para manter o posto, pero o cargo de alcalde de Ourense está por enriba da Deputación, en tal caso sería ao revés".

O que aínda non está claro é se o seu interlocutor no Partido Popular no Concello, respecto ao anterior acalde dixo: "A miña relación con Jesús Vázquez vai ser estritamente profesional. Eu son práctico. Ti imaxinas nun equipo de fútbol, eu non lle paso a pelota a aquel porque me cae mal. Se agora estamos no mesmo equipo haberá que remar na mesma dirección". "O tenente de acalde vai ser do Partido Popular, pero haberá que preguntarlle a eles quen vai ser", dixo Jácome.

En canto ao contido práctico do pacto cos populares asegurou que "é moi sinxelo. Fixemos un borrador de como tiñan que ser as concellerías, e é moi xenérico. Da igual que estea plasmado ou non, porque os acordos son vinculantes". O que avanzou é que o seu partido non se vai presentar ás eleccións autonómcias porque así llo pediu o Partido Popular, aínda que "hai tempo de falalo".

En canto ás negociacións que tamén mantivo cos socialistas, negou que el presentase a opción de repartir o concello dous anos cada candidato, "iso propúxoo o PSOE", afirmou. "Eu o que propoñía era que os socialistas ocupasen a Deputación e nós o Concello, e se hai algún responsable de que non houbese pacto son eles".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019