CRTVG

Buscar

Peregrinos e turistas achéganse ao Obradoiro para ver a Catedral sen andamios

Publicado o 13/05/2021 14:48

Ascensión. Día de festa en Santiago. Música para celebrar tamén que a fachada da Catedral loce sen andamios. "Si, xa sabíamos que estaban retirando os andamios e polo menos poder vela completa, que había tempo que non se vía enteira", afirma un turista.

Unha estrea coas condicións axeitadas de néboa e chuvia. No Obradoiro xa se ven turistas e peregrinos. David e Diego veñen desde Sevilla. Eles xa van poder apreciar esas formas e relevos da fachada que estaban semiocultos. "Aínda acabamos de chegar. Imos facer unha foto e un vídeo agora"

Nesas fotos a fachada xa vai lucir íntegra porque durante oito anos estivo tapada por andamios e lonas. Un período en que se limparon sucidades, restauráronse figuras, elimináronse humidades... A imaxe máis icónica de Galicia tamén é un orgullo para os santiagueses.

As obras comezaron en 2008 e aínda non remataron. Quedan andamios na Acibechería, pero a fachada do Obradoiro loce coma sempre, entre a néboa e a chuvia compostelá.

Noticias web

13/05/2021