CRTVG

Buscar

Pere Aragonès quere que os acordos da mesa co Goberno gocen de inmunidade xurídica

Publicado o 28/02/2020 14:09

Foi unha das cuestións polas que os xornalistas preguntaron o mércores na Moncloa tras a primeira xuntanza da mesa de negociación: o comunicado que asinaban xuntos o Goberno de España e a Generalitat establecía que os acordos aos que as dúas partes poidan chegar nun futuro formularíanse, literalmente, no marco da seguridade xurídica.

Cando lle preguntaron á ministra portavoz do Executivo por que non se mencionaba a Constitución Española, María Jesús Montero evitaba referirse á Carta Magna pero abríalle a porta a reformar aquelas normas que se considere oportuno.

"Máis aló de que mesmo se promovan as cuestións relativas a cambios de norma ou a revisións do Estatuto ou de calquera outra materia que puidese ser de interese", dixo Montero.

Este venres, o vicepresidente catalán foi varios pasos máis aló. Pere Aragonès quere que os acordos da mesa co Goberno gocen de inmunidade xurídica.

"Se hai acordos nesta mesa han de ter seguridade xurídica. É dicir, non se poden cambiar se ao día seguinte a non sei que xuíz lle pasa calquera cousa pola cabeza. Polo tanto han de estar blindados: os acordos teranse que respectar", esixiu Aragonès.

O vicepresidente da Generalitat dixo tamén que nin sequera unha hipotética amnistía debe facer que o independentismo renuncie a levar adiante un referendo de autodeterminación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/02/2020