CRTVG

Buscar

Percebeiros de Corme van estes días os bancos do Roncudo para abastecer a festa da fin de semana

Publicado o 04/07/2019 14:39


Daban as 10:30 cando a marea se retiraba, cedéndolle a quenda a case 40 percebeiros. Terían tan só dúas horas e media para traballar. As rasquetas soaron con forza contra as rochas do faro do Roncudo, e na pedra do mesmo nome, xa no mar, onde o esforzo é maior pero nótase no produto. A calidade do percebe desta zona, de sobra coñecida, non se trata dunha casualidade.

Alejandría Chans, Vicepatroa da Confraría de Corme, asegura que o percebe ten unhas características estupendas, que procuran mimalo, darlle unha veda, e iso unido ás características do lugar favorécelle.

Estas imaxes só é posible velas dúas veces ao ano, no Nadal, e os días previos á Festa do Percebe de Corme, que terá lugar esta fin de semana, aínda que a expectación de curiosos e turistas xa chegou antes. Onte xa puideron coller, e recolleron os seis quilos permitidos por persoa antes de que rematase o tempo.

Alejandría Chans, Vicepatroa da Confraría de Corme, di que non foi un mal ano xa que no Nadal quedou bastante percebe nas pedras e agora xa crecera moito.

Boa colleita que se reflicte nos prezos estes días.

Di Alejandría que os prezos varían en función do tamaño. Os pequenos andan nos 25 euros, e os de tamaño excepcional como os da pedra do roncudo chegan aos 150 euros ou máis.

O seu consumo resérvase para a festa do percebe, que esta edición cumpre 27 anos. Alí teñen previsto repartir uns 1.000 quilos do marisco rei entre unhas 3.000 racións, a un prezo de 20 euros.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/07/2019