CRTVG

Buscar

Percebe da Barca, a marca do que extraen os percebeiros de Muxía

Publicado o 03/09/2021 14:11

Percebe da Barca é a denominación que van levar en breve os extraídos na zona que traballa a Asociación de mariscadores de Muxía. A marca leva meses en xestación, acaba de ser presentada e os seus promotores contan con que este Nadal poidan comercializar os primeiros crustáceos con este distintivo. Isto será tamén un selo de garantía para o intermediario e para o consumidor final.

Santiago Pérez, secretario da Asociación de profesionais Percebe da Barca: "Que o que merca saiba que se alguén pretende venderche percebe da Barca e non ten a marca é un furtivo. Non llo merques. Vendémoscho nós. Fala con nós, dámoscho co distintivo da marca para que poidas mostrala".

Santi, que é patrón dunha embarcación dedicada ao percebe en Muxía, di que unha das tarefas da asociación ademais da reorganización interna e da explotación, é poñer freo ao que denomina furtivismo profesional: "O que máis mal nos fai son as lanchas de 250 cabalos de potencia que veñen de noite e saltan cinco homes nunha pedra. Estiveches gardándoa todo o ano, veñen eles e déixancha limpa. Xa nos pasou no santuario hai dúas semanas. Cando gravamos o vídeo de presentación... encontrámonos con pedras que estaban limpas. Veñen nunha noite e límpancha de percebes".

O vídeo ao que se refire é o elaborado como presentación da marca Percebe de Muxía.

Como personalidades que avalan o percebe de Muxía, a marca designou os seis primeiros embaixadores: Jorge Mira, Ángel Carracedo, Barca Toba, Cesáreo Pardal, Antón Castro e Miko Weaver. Os promotores tamén ultiman unha aplicación con contidos vencellados coa actividade dos percebeiros e sobre o seu produto.

Noticias web

03/09/2021