CRTVG

Buscar

Pequín eleva o nivel de alarma e pon en corentena unha trintena de zonas residenciais

Publicado o 17/06/2020 10:45

As autoridades de Pequín poñen en corentena unha trintena de complexos residenciais para frear a propagación do brote de coronavirus detectado nun mercado da capital chinesa.

Amais vai desinfectar todos os mercados, restaurantes e campus universitarios da capital e realizará test de coronavirus aos seus traballadores e responsables, anunciaron hoxe as autoridades sanitarias municipais.

Esta medida tómase despois de que a capital elevase onte o nivel de alerta sanitaria do 3 ao 2, nun intento de frear a propagación masiva do novo brote de coronavirus detectado o pasado xoves no principal mercado da cidade, que deixou xa máis dun cento de positivos, segundo informaron as autoridades municipais.

A subsecretaria xeral do Goberno municipal pequinés, Chen Bei, anunciou en conferencia de prensa que desde este martes a cidade pasa do terceiro ao segundo nivel de emerxencia, co cal, entre outras medidas, as comunidades de veciños volverán comprobar a identidade e o estado de saúde dos residentes e a tomarlles a temperatura.

Suspéndense todas as clases presenciais en educación primaria, secundaria e superior, e aconséllase aos residentes traballar desde o domicilio, mentres que as comunidades en áreas de risco "alto" -por exemplo, con casos confirmados- quedarán seladas e non se permitirá que ninguén saia delas.

Tamén se pecharán os mercados subterráneos, mentres que bibliotecas, museos e parques abrirán durante un tempo limitado e cunha ocupación non superior ao 30 % da súa capacidade.

Suspéndense os voos interprovinciales e quedan prohibidas as viaxes en grupo transprovinciais, anunciou Chen, quen explicou que "a situación en Pequín segue sendo grave". A funcionaria engadiu que as persoas que residen en áreas en risco "medio-alto" e o persoal relacionado co mercado almacenista de Xinfadi, onde se orixinou este brote, teñen prohibido abandonar Pequín polo momento.

Aqueles que queiran saír da cidade deberán presentar unha proba de coronavirus negativa na semana previa á súa partida, agregou Chen. Segundo o Goberno municipal, o virus foi causado ou ben por unha transmisión entre humanos ou ben por unha "contaminación ambiental".

Por último, a funcionaria asegurou que as novas medidas non implican que se deteña o traballo ou a produción, aínda que aconsellou aos residentes que traballen desde a casa e incidiu en que deben usar sempre máscaras en lugares pechados.

A Comisión Nacional de Saúde da China informou de 44 novos casos de COVID-19 detectados o martes, 11 deles procedentes do exterior e 33 locais, dos cales 31 rexistráronse en Pequín, tras o novo brote de coronavirus detectado no principal mercado da capital, que deixa ata o de agora 137 casos confirmados.

Cancelan máis dun milleiro de voos de entrada e saída de Pequín

Un total de 1.255 voos de entrada e saída de Pequín foron cancelados ata a mañá deste mércores desde que o Goberno municipal aumentara o martes pola noite o nivel de emerxencia pola COVID-19.

En concreto, foron cancelados 615 voos de saída e 640 de entrada, segundo o rotativo Global Times.

Por outra banda, o xornal apunta que algúns dos pacientes que foron atendidos estes días nos hospitais presentaron "síntomas atípicos" da COVID-19, tales como malestar nas articulacións, algo que os médicos consideran "estraño".

Así mesmo, máis de cen traballadores sanitarios de 19 hospitais foron enviados desde o luns ao céntrico hospital de Ditan, o principal dedicado agora a tratar aos pacientes que contraen a  COVID-19.

Por outra banda, continúan as probas de ácido nucleico para todos aqueles que tivesen contacto con casos confirmados ou que visitasen o mercado de Xinfadi, o principal da metrópole, pechado desde o sábado.

Ata o de agora só transcendeu que o patóxeno foi detectado nunha táboa de cortar peixe empregada por un vendedor de salmón importado en Xinfadi, e algúns expertos chineses afirmaron que este rebrote do virus é "probablemente máis infeccioso" que o detectado en Wuhan, a capital provincial de Hubei, onde comezou a propagarse a COVID-19.

Ademais das probas e as medidas de control e prevención, Pequín intensificou a inspección dos mercados de produtos frescos, porco conxelado, tenreira, cordeiro e produtos avícolas, e examínanse outros negocios, incluídos supermercados e restaurantes, para garantir que non circulan produtos contaminados co  patógeno. 

 

Noticias web

17/06/2020