CRTVG

Buscar

Pequenos produtores e artesáns venden os seus artigos nun novo supermercado online

Publicado o 18/10/2016 13:08

Un comercio sostible e sen intermediarios, directamente entre produtores e consumidores con tan só un clic

Un comercio sostible e sen intermediarios, directamente entre produtores e consumidores con tan só un click.  Este é o concepto de compralaproductor.com, un novo supermercado online de produtos artesanais e gourmet.

"Calquera produto típico e orixinal de produtores pequenos e artesanais de toda España vai chegar á casa dos consumidores en 24 ou 48 horas nun só paquete, este é o obxectivo diferencial do noso proxecto", explica Iago Rodríguez, responsable de comunicación do proxecto.  

"Ata agora se comprabas a unha adega da Ribeira Sacra a unha queixería do Cebreiro chegaríanche dous paquetes a casa. En compralalproductor.com poñemos en marcha unha nova loxística que permite que os consumidores finais poidan mercar a distintos puntos en orixe e que todo lles chegue nun único envío, evitando así os custes de transporte", engade Marcos Pereira, un dos socios fundadores. 

Esta idea naceu dun grupo de produtores artesanais que decidiron asociarse hai dous anos. Así nacía Escompring, unha empresa máis enfocada a resturantes que, agora, con esta nova web, da o salto tamén ao consumidor privado. 

"A día de hoxe vemos como a gran industria se esquece dos pequenos produtores por completo. Nós queríamos eliminar o handicap dos portes e poder dar así un paso á fronte no comercio online para as pequenas empresas", di Marcos.

"Trátase de pequenos produtores que en moitas ocasións non tiñan coñecementos para posicionarse e distribuír a través da internet. Nós asesorámolos, posicionámolos en redes, etc.", apunta Iago.

A queixería Castelo do Cebreiro foi unha das primeiras en sumarse ao proxecto. É unha pequena empresa familiar que grazas a este supermercado online pode distribuír o seu queixo a calquera punto de España.

"Nós tiñamos un problema coa distribución e a través de Escompring vimos a solución, a idea era boa e estanos a funcionar moi ben", di o xerente da queixería.

Nestes momentos son case un cento de produtores artesanais tanto de Galicia como do resto de España os que venden os seus artigos neste escapate online de compraralproductor.com.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/10/2016