Pensilvania e Nevada confirman a vitoria de Biden

As autoridades de Nevada seguiron este martes os pasos doutros estados considerados clave nas eleccións presidenciais do pasado 3 de novembro e tamén certificaron a vitoria do demócrata Joe Biden nese estado. A secretaria de Estado de Nevada, a demócrata Barbara Cegavske, compareceu ante o Tribunal Supremo estatal para presentar o escrutinio definitivo e darlle carácter oficial coa firma dos xuíces, o que blinda a vitoria de Biden por máis de 30.000 votos no estado do xogo legalizado, sobre un total de 1.400.000 sufraxios.
O equipo do presidente saínte, Donald Trump, puxo en dúbida nun primeiro momento hai semanas a lexitimidade dos resultados en Nevada, ao asegurar que votara unha gran cantidade de persoas que non residían no estado, e levou a cuestión aos tribunais. Con todo, a medida que pasaban os días, a marxe de vitoria de Biden sobre Trump no estado ampliouse cada vez máis, e á súa vez o presidente sufriu derrotas en estados moito máis poboados e por tanto determinantes, como Pensilvania e Xeorxia, o que fixo que a atención da campaña se centrara neses lugares e aos poucos fose abandonando a pelexa en Nevada.
Así, Biden levará definitivamente os seis compromisarios ao colexio electoral que outorga o estado, e que se sumarán aos 20 de Pensilvania, aos 16 de Michigan e aos 16 de Xeorxia, entre outros, que tamén oficializaron a vitoria do demócrata nos últimos días.
Con todo, Trump mantense desafiante, non recoñeceu a súa derrota e ata apoiou unha nova petición de reconto en Xeorxia, que con toda seguridade só servirá para atrasar o peche definitivo do escrutinio e non cambiará o resultado final.
Aínda así, o mandatario saínte deu o luns luz verde ao comezo da transferencia de poder a Biden, despois de que Emily Murphy, responsable da Administración Federal de Servizos (GSA, nas súas siglas en inglés), iniciase o proceso de transición desbloqueando recursos para que o equipo do demócrata vaia tomando control da burocracia federal. Esta mañá Trump asegurou nun chío que Murphy fixo "un gran traballo", pero que a GSA non determina "quen será o próximo presidente dos Estados Unidos".
Trump tentou frustrar a burocracia electoral por que, unha vez confirmado o cálculo de cada estado, estes consignan os compromisarios que lles corresponden dentro do sistema de Colexio Electoral o 14 de decembro e transmiten o resultado ao presidente do Senado e vicepresidente, Mike Pence, o 6 de xaneiro. Unha vez confirmado que Biden supera os 270 votos electorais, o presidente electo inaugurará o seu mandato nunha cerimonia fronte ao Capitolio o 20 de xaneiro.