CRTVG

Buscar

Adían a decisión de como vai ser o Nadal e sobre os tests de antíxenos nas farmacias

Publicado o 19/11/2020 08:46

O Ministerio de Sanidade reporta máis de 15.000 novos casos de covid−19 e 351 falecementos nas últimas 24 horas. España bate unha nova e triste marca, a de mortes nunha semana, que pasan das 1.300, pero baixa un pouco a incidencia acumulada. 

Na reunión do consello interterritorial de saúde avaliáronse todos estes datos e quedaron pendentes varias cuestións: entre elas, como vai ser o Nadal e se se poderán facer tests de antíxenos nas farmacias.

O nivel de transmisión do virus en España aínda é alto e o sistema de detección de casos continúa a revisarse. Está no aire a petición que fixeron Madrid e Cataluña de facer tests de antíxenos nas farmacias. Salvador Illa non pechou de todo a posibilidade, pero quere detalles.

Ante a lixeira estabilización á baixa dos contaxios, ás autoridades sanitarias preocúpalles que a cidadanía poida relaxar as medidas de prevención no mes de decembro. Especialmente na ponte da Constitución e no Nadal. No consello Interterritorial de Saúde creouse un grupo de traballo que a semana que vén presentará un paquete de novas recomendacións para esas datas.

Nesta reunión tamén se actualizou o plan para a futura vacinación contra o coronavirus, pero o ministro de Sanidade insistiu en que ese proceso levará tempo e que hai que manter a tensión. Reiterou que o horizonte é maio de 2021.