CRTVG

Buscar

Pelexa nos probadores dunha tenda de roupa de Pontevedra

Publicado o 29/06/2020 14:46

O que parecía unha tranquila xornada de rebaixas neste establecemento de venda de roupa de Pontevedra converteuse nunha auténtica batalla campal cando unha clienta se molestou porque non lle deixaban pasar o número de pezas que levaba ao probador. A dependenta indicoulle que se trataba de novas restricións sanitarias debido á Covid-19, pero esta explicación non a convenceu e púxose moi agresiva.

A escena foi presenciada por varias persoas que agardaban na cola do probador. Unha delas chamoulle a atención á muller, e esta acendeuse aínda máis, ata o punto que a tirou ao chan e lle propinou varias patadas no estómago. Unha terceira clienta, de 60 anos, intentou mediar, pero tamén acabou metida na pelexa e recibindo varios golpes da agresora. Ao lugar do suceso tiveron que trasladarse varias dotacións da Policía Local.

As tres mulleres tiveron que recibir asistencia sanitaria. Unha ambulancia do 061 acudiu á tenda para prestarlles os primeiros auxilios e despois foron atendidas en Urxencias do hospital Montecelo. A pelexa resolveuse cun intercambio de denuncias na comisaría.

Noticias web

29/06/2020